Friday 20 de September de 2024

A Pobra avanza na elaboración do plan de redución das emisións de CO2


O salón de plenos da Casa Consistorial da Pobra do Caramiñal acolleu na tarde de onte un encontro para avanzar no Plan de Acción para o Clima e a Enerxía Sostible (PACES), un documento clave dentro do Pacto das Alcaldías a través do cal o Concello expón como acadará o compromiso asumido de lograr no 2030 unha redución anual do 40% das emisións de CO2 -e, posiblemente, outros gases de efecto invernadoiro-, traducíndose para o municipio nunha dedución de 9.992 toneladas anuais de ditas emisións no prazo de 10 anos, desde os datos obtidos no 2015, exercicio durante o cal se despediron á atmosfera 24.980 toneladas de CO2. Búscase así a implicación da cidadanía e das Administracións públicas para loitar contra o cambio climático con medidas pensadas, cuantificadas e reais.

Neste senso, cóntase coa asistencia técnica de Sicasoft Solutions, unha empresa especializada na materia. Así, as representantes da referida empresa explicáronlle aos membros do executivo local e oposición o inventario de emisión, é dicir, en que situación se atopa o municipio pobrense en materia de emisión de CO2; así como o plan de acción para a mitigación e adaptación, sobre o cal os asistentes puideron facer as súas aportacións e expoñer dúbidas.

Entre os parámetros a ter en conta para a elaboración do citado documento figuran os riscos climáticos con probabilidade de que se produzan e o impacto que terían, os sectores máis vulnerables, a capacidade de adaptación e os grupos máis vulnerables de poboación. Os datos plasmáronse tendo en conta diversos informes técnicos.

Na segunda semana de setembro volverá a producirse unha nova reunión na cal se presente o plan xa perfilado coas medidas que faltan por cuantificar e definidas as coñecidas como key actions (tres accións claves) para, posteriormente, comezar coa implantación das decisións, avaliando periodicamente a súa evolución no tempo.